Porta aberta para poder coñecer o que facemos no DO, informarse sobre temas relacionados coa diversidade, inclusión, educación, ... e compartir as túas opinións e suxestións.

3 jun. 2018


RECREOS DINÁMICOS


Durante este curso escolar 2017-18, continuouse coas propostas para mellorar os recreos que xa se facían en cursos anteriores:
  •  Alumnado voluntario de 6º dinamizando xogos na zona de Infantil e 1º.
  • Alumnado voluntario de 6º facendo o préstamo de xogos na zona de Primaria.
  •  Xogos de préstamo: xogos de mesa, palas, raquetas, cartas...

Engadíronse ademais de novos xogos, algunha nova proposta:

  •  Eliminación do fútbol nos patios exteriores, agás os mércores no patio de Infantil.  Un día á semana o alumnado de Primaria pode xogar ao fútbol no pabillón cuberto.  Como consecuencia temos máis espazo para xogos inclusivos, máis presenza das rapazas ocupando eses espazos centrais, e sen dúbida menos conflitos.
  • Alumnado de 6º dinamizando xogos no espazo antes destinado ao fútbol. Solo algúns días tivo éxito a iniciativa. Faremos cambios para o próximo curso, para dar maior visibilidade ao xogo.
  • Alumnado e unha profesora da Facultade de Terapia Ocupacional, tres días á semana, durante os meses de Febreiro a Maio incluído, dinamizando xogos inclusivos para todas e todos.  Este privilexio, que busca INCLUSIÓN, foi froito dunha colaboración entre Escola e Universidade, que pensamos podía ser fructífero, entre outras das labores que tiveron lugar no centro con ese alumnado e profesora.
  • Formación dun Equipo de Mediación de Conflitos entre iguais. Este equipo de nenos e nenas de 5º, comezou a medir este mes de xuño. A idea é asentar esa práctica os próximos cursos. O próximo curso mediará o alumnado de 6º mentres se forma o de 5º.
  •  Con respecto á reciclaxe, os patios tamén deron un cambio. Elaboramos un díptico para tal fin, etiquetamos as papeleiras e diferenciamos papel, substancias orgánicas e inorgánicas. A maiores de responsabilizar a cada alumn@ do centro dos seus residuos, houbo unha patrulla de limpeza de entre o alumnado de 2º (LIMPAMUNDOS),  que se encargaron de recoller residuos e de controlar as adecuadas prácticas de separación dos compañeiros (avisando, invitando a que recollan e separen).

O próximo curso seguiremos tratando de asentar e mellorar estas propostas que buscan dos nosos patios uns lugares de inclusión, repecto, diversión e amizade. E precisamente para iso temos o proxecto do que vos informamos o mes pasado cunha charla á que asistiron varias familias, que aportaron propostas e ideas estupendas que farán deste proxecto algo fundamentalmente colaborativo. Neste proxecto toda a comunidade educativa (nenas e nenos, familias, profesorado e profesional de administración e servizos) poda re-pensar os patios do colexio. Nestes momentos atopámonos na fase inicial de planificación e invitación para a participación.

Dende hai tempo, somos conscientes de que queredes mellorar os patios. Sabemos que existen xa grandes ideas agardando a poñerse en marcha. Por iso, este curso, buscamos crear sinerxias e canalizar todas estas aportacións cun proxecto de colaboración coa Universidade da Coruña (Facultade de Terapia Ocupacional, Ciencias da Saúde).

O proxecto levarase a cabo ao longo do curso académico 2018-2019. Empregaremos a fotografía (unicamente dos espazos físicos, non de persoas) para reflexionar sobre o que nos gusta e o que non nos gusta dos patios, e así poder pensar, entre todas e todos, como melloralos.  O alumnado será o primeiro en sacar estas fotos. Tamén se convidarán ás familias, ao profesorado e ao persoal de administración e servizos a sacar fotos (de forma voluntaria). Iremos informando de cada paso, e convidando á participación nas distintas actividades, a través de circulares.

Aos obxectivos deste curso nos patios:
-       Promover a participación de todo o alumnado nos xogos do recreo.
-       Conseguir que todo o alumnado se sinta integrado nalgún xogo.
-       Mellorar a convivencia nos tempos de lecer.
-       Valorar a importancia dun contorno limpo, agradable e bonito.
-       Promover  hábitos de coidado do contorno e do centro.
-       “Entrenar” ao noso alumnado en reciclaxe e separación de residuos.
engadimos:
-       Facer propostas para a mellora de aspectos descoidados ou que requiran reparación ou mellora.
-       Recoller observacións.

 Un saúdo e seguiremos informando!!!

21 may. 2018

XA ESTÁ EN MARCHA O SERVIZO DE MEDIACIÓN NO ISIDRO PARGA PONDAL!!

Durante este mes de Maio o Equipo de 5º EP, está facendo a tarefa de informar a todo o alumnado e familias do centro da posta en marcha do servizo de Mediación pacífica de conflitos.

Que é a mediación?
  É unha maneira de afrontar os conflitos baseado no diálogo e na cooperación, que se apoia en persoas neutrais que median no proceso.

En que consiste a mediación entre iguais?

Os mozos e mozas resolven os seus problemas entre si, apoiados por compañeiros/as 
formados como mediadores/as, que os guían no proceso de resolución do seu  conflito.

Quen pode solicitar a mediación?

Calquera membro da Comunidade Educativa que necesite  resolver un conflito de forma 
pacífica coa axuda dun proceso de mediación.

Os principios da Mediación son:

VOLUNTARIA, as partes en conflito deben querer participar da mediación. Podemos
 recomendala, non impoñela.
CONFIDENCIAL,o proceso do conflito só é coñecido polas partes e o equipo de  mediación.  A orientadora  será a coordinadora do servizo.
REQUIRE DUN COMPROMISO, as partes comprométense a levar a cabo determinadas 
condutas e actitudes que resolverán a súa situación, chegando a un compromiso.
É NEUTRAL E NON AXUIZA, resólvese o conflito; non se axuiza ás persoas, SÓ pretende apoiar a procura de solucións.

 Como é o proceso?

1. Énchese a solicitude, que se atopa no buzón de mediación que hai ao lado do despacho de orientación, e deposítase no mesmo. Este pode ser demandado por:
· O alumnado en conflito, por unha parte ou polas dúas;
· O alumnado en xeral, que detecte unha situación de conflito;
· O profesorado que observe conflitos e recomende a mediación ao alumnado;
· Calquera membro da Comunidade Educativa que observe algún conflito;
· As familias que coñezan conflitos entre os seus fillos/as e outros/as compañeiros/as.
2.A orientadora presenta o conflito ao equipo de mediadores e escóllese unha parella.
3. En horario de Mediación, acóllense ás partes, ás veces por separado.
4.Escóitase activamente que pensan do problema cada un e  promoven a empatía e o achegamento de puntos de vista.
5. Realízanse preguntas co fin de que reflexionen as partes en conflito.
6.  Chegan as partes en conflito a un acordo e a un compromiso asinado.
7. Ás dúas semanas revísase o cumprimento do acordo.

Como solicitar a mediación?

Onde?: no buzón de mediación, mediante o profesorado ou a orientadora.
Horario: luns, mércores e venres de 11.45 a 12.15 horas.
Lugar: a aula de mediación é a que está entre o despacho da orientadora e o despacho do equipo directivo. A orientadora reunirase co equipo de mediación e establecerán día e hora para a mediación.
O equipo de mediación poñerase en contacto coas persoas a mediar.
REUNIÓNS COAS FAMILIAS DE:
-PASO DE E.P. A E.S.O.
-NOVA INCORPORACIÓN AO CENTRO: 4º EI
-PASO DE EI A E.P.



FAMILIAS DO FUTURO ALUMNADO DA E.S.O.:
O próximo mércores día  30 de Maio ás 16 h na  aula de Música, reunirémonos orientación do noso centro e orientación e xefatura de estudos do IES María Casares, coas familias do alumnado de 6º EP, para tratar aspectos relativos á nova etapa da ESO.


FAMILIAS DO NOVO ALUMNADO DE 4º EI:
O próximo luns día 4 de xuño ás 16h na  aula de Música, reunirémonos as mestras de 4º EI do próximo curso, o equipo directivo e orientación, coas familias de dito alumnado, para tratar aspectos relativos á nova etapa de Educación Infantil e ao período de acollida.


FAMILIAS DO FUTURO ALUMNADO DE 1º E.P.:
O próximo luns día 4 de xuño ás 17:30 h na  aula de Música, reunirémonos as actuais titoras dos vosos fillos/as, o equipo directivo e orientación, coas familias de dito alumnado, para tratar aspectos relativos á nova etapa de Educación Primaria.

1 abr. 2018

MEDIACIÓN DE CONFLITOS ENTRE IGUAIS: 
XA TEMOS O NOSO LOGO!!

Este curso estase levando a cabo no noso centro co profesorado e co alumnado de 5º EP un Programa de Mediación en Conflictos :“A túa responsabilidade ante os problemas”.
Esta formación de mediadoras e mediadores ten por finalidade mellorar a convivencia no centro educativo. Os seus obxectivos, entre moitos outros, son:
  • Coñecer a mediación dende unha perspectiva global e como unha das propostas eficaces para mellorar a convivencia na institución educativa.
  • Favorecer o desenvolvemento do estilo colaborativo na resolución de conflitos.
  • Aprender as fases principais dun proceso de mediación formal, a súa función e a forma de desenvolver cada unha delas.
  • Implicar ao alumnado no deseño e desenvolvemento das actividades para mellorar a convivencia.

A formación do profesorado tivo lugar en Decembro, a do alumnado de 5º durante o mes de Xaneiro.

En Febreiro convocouse o concurso entre eles para escoller un logo co que darse a coñecer. 

Estos foron os logos presentados:





E este o logo gañador:



Alumnado que elaborou o logo e o lema:


 Durante o mes de Abril o alumnado de 5º fará o labor de difusión,  para que se empece a recurrir ao equipo de mediación do centro para axudar neses pequenos conflitos que xorden no día a día.

Seguiremos informando!!

8 mar. 2018

8 DE MARZO, DÍA DA MULLER
O 8 de marzo dedicamos unha xornada de reflexión sobre o longo camiño que as mulleres percorremos para ver recoñecidos os nosos dereitos.  
O que se reivindica é unha igualdade de dereitos entre ámbolos sexos, e non só na redacción das leis, senón na aplicación das mesmas e nos seus resultados.
Estes aspectos deben seguir sendo reivindicados, pois o obxectivo final da igualdade non se conseguiu, e para elo simplemente temos que remitirnos aos datos de desemprego, horas de traballo dentro do fogar e fora del, posición laboral, soldos, abusos, agresións, etc. 
Aínda queda moito por facer e hai marxe para mellorar. Por outra banda, é prioritario incidir na formación cultural e educativa, para erradicar hábitos e culturas de discriminación, de marxinación ou de violencia de xénero.
Desde a escola colaboramos coa familia na Educación en Igualdade, non solo durante estas semanas, senón como tema trasversal durante todo o curso escolar.
Unha pequena mostra das reflexións feitas a propósito deste día o podemos ver na entrada do cole e no interior das aulas.


As conquistas foron moitas ao longo do tempo pero queda moito por facer.

31 ene. 2018

ESCOLA DE NAIS E PAIS 

No mes de Decembro convocamos ás familias para ter información sobre o programa de Mediación de conflitos que imos desenvolver no centro este curso 2017-18. A charla resultou moi interesante para as familias que acudiron e propuxeron facer un pequeno curso (de 3 horas aproximadamente) para afondar máis na Mediación como recurso para todos/as. Se hai máis familias interesadas non dubidedes en contactar comigo.

Para os 2º e 3º trimestres e trala enquisa cuberta polas familias, as charlas da escola de pais e nais que resultaron máis elixidas foron:
  • Uso adecuado das novas tecnoloxías na infancia.
  • Manexo da frustración na infancia.
O horario máis compatible cun maior número de familias foi ás 18´30.

Ao igual que o curso pasado, contamos coa colaboración da ANPA Bidueiro, que ofrecerá un servizo de gardería se hai un número suficiente de demanda para facilitar a asistencia das persoas que o precisen.

O taller de 3 días Mocidade e Novas Tecnoloxías” terá lugar os próximos martes 6, 20 e 27 de febreiro, na aula de música do cole en horario de 18.30 a 20.30h.

Os obxectivos da formación son:

- Proporcionar pautas educativas de uso saudable e responsable das TIC.
- Formar e informar sobre as vantaxes y riscos que representan as TIC na actualidade,
reducindo a brecha dixital entre menores e proxenitores.
- Fomentar unha maior prevención e mellora da seguridade dos e das menores en internet e a
protección fronte á violencia.

E os contidos:
- Definición de TIC:
o Trazos positivos e negativos.
o Diferencia entre uso, abuso e adicción.
o Diferencia entre realidade e virtualidade.
o Diferencia xeracional (nais/pais-nenos/as)
- Posibles causas, ameazas e riscos
o Soidade.
o Falsos amigos.
o Personalidade non formada.
o Baixa autoestima, depresión ou ansiedade.
o Problemas dos estudios.
- Tipos de adiccións
o Internet, teléfono móbil e videoxogos.
- Acoso nas redes sociais:
o Ciberacoso
o Sexting
o Grooming
o Control das parellas a través das redes sociais.
- Prevención
o Importancia
o Que aporta?
- Factores de protección e factores de risco. Ámbito de interacción dos factores de risco.
- Boas prácticas. Uso saudable das TIC.
- Por que debemos facer prevención na familia? Marco legal.
o Infraccións contra as persoas.
o Infraccións contra o patrimonio.


Aínda quedan prazas libres, e sí haberá servizo de gardería, así que se algunha familia 
está interesada e non se apuntou, estades a tempo.
Esperamos que o taller cubra as vosas expectativas e poder contar coa vosa presenza.

Moitas grazas.

30 ene. 2018



                                                      30 DE XANEIRO, DÍA DA PAZ


Hoxe celebramos no centro o Día da Paz. Para concretar esta celebración cunha acción que contribuíra a un mundo mellor, o alumnado trouxo un alimento/produto de hixiene para familias da zona (Oleiros, Cambre, Culleredo) que o necesiten. Con ese símbolo da paz repleto de alimentos, queremos transmitir a importancia de compartir, por una banda, e de que todos os nenos e nenas teñan cubertas as súas necesidades,  por outra.



Grazas a todo o alumnado e ás familias polo voso granito de area, e ás mestras de música por poñer banda sonora e ritmo ao acto: 
                      “Somos unha marea de xente,
                       todo é diferente remando ao mesmo compás”.